domingo, 6 de diciembre de 2015

Noiteboa: unha desgraza lixeira

[FUENTE: Teatro Crítico Universal]
Roi Vidal Ponte

Iso que finalmente demos en chamar ‘audiovisual’ entrounos na vida dun xeito tan insistente que acabamos por aceptalo. Álex Sampayo procede dese mundo irmán e con Noiteboa dá no cravo dunha fórmula que debería achegar bastantes beneficios: rostros televisivos + comedia lixeira + toques emotivos.

Na folla de sala pon que a peza é unha ‘traxicomedia’, no que parece máis un intento de reafirmar a súa teatralidade que de atinar na definición xenérica: ‘dramedia’ é un termo máis acaido, máis de moda e máis do audiovisual. O realismo de Noiteboa está moito máis cerca das desgrazas bolañesas que das traxedias sofocleas: as personaxes non son de moito avoengo e os sufrimentos (soidade, escaseza económica, vellez) son do tipo cotiá. A escenografía non se resiste a ter un aire misterioso no acabado das xuntas e a desmemoria das fotografías, e xunto cunha iluminación tenue baseada na calidez de certos puntos focais fan que o marco resulte agradable, simbólico pero sen estridencias.

O punto de partida podería estar sacado da cabeza de algún xenio da sitcom clásica como Billy Wilder, e, con todo, é o máis teatral da proposta. Un actor veterano convence un rapaz ao que lle deu clases de teatro para se faceren pasar polo marido e o fillo da señora maior que os contrata para non pasar soa a noiteboa. O xogo do teatro dentro do teatro mantense como esquema sobre o que dispor certos clixés funcionais como os malentendidos, o enredo familiar e amoroso e os chistes máis ou menos fáciles, aínda que sempre ancorados nunha realidade tan atolada, próxima e concreta como o roubo da figura do neno Xesús do Belén de Santiago de Compostela e a súa repercusión nas redes sociais e nos protagonistas.

Con todo, a gargallada non vén unicamente da man das situacións. O bo facer dos intérpretes crea a atmosfera cómico-realista co xusto toque televisivo. Guillermo Carbajo, consciente de que debe deixar que brille a parella veterana, dá un rapaz fresco e natural. Ernesto Chao demostra que o tempo lle vai devolvendo a contención escénica e que é nos momentos de intensidade baixa, na seriedade e na veracidade, ou no difícil tránsito entre estes e os lances cómicos, onde se agocha a súa madeira de actor teatral. Pero o papel estelar é para Mela Casal, que crava con graza a xestualidade e os dicires das avoíñas urbanas de noso. Desde os tics creados para a construción da personaxe (esa maneira de rascar a perna) até os momentos de entendemento non verbal cos seus partenaires (eses tan simpáticos silencios incómodos), Casal ten o control e a precisión necesarios para que a comedia non desboque e para nós facer ver que tamén podemos rir mediante a sutileza.

As convencións catódicas entran no teatro e acadan o éxito ante un público máis afeito á comodidade do mando a distancia que á altura do galiñeiro. Pero tamén hai faceres propiamente teatrais que contribúen a que ‘comercial’ non teña por que ser necesariamente un termo despectivo. E está ben que o teatro, que tamén se escoita e se ve ao mesmo tempo e ademais en directo e en 3D, tamén se aborde, de cando en vez, con lixeireza.

Noiteboa de Alex Sampayo e Borja F. Caamaño
Dirección: Alex Sampayo
Elenco: Ernesto Chao, Mela Casal, Guillermo Carbajo
Iluminación: Carlos Álvarez-Ossorio
Espazo escénico: Suso Montero
Maquillaxe e Perruquería: Chicha Blanco
Produción: Redrum Teatro

4 comentarios:

ReltiH dijo...

UFFFF BROTHER. FELICITACIONES!!!!!
ABRAZOS

jesus alvarez dijo...

Una entrada de lo mas interesante, saludos y felices fiestas.

marga dijo...

Felices fiestas, Borja.
Abrazos para ti.

MuCha dijo...

gracias por compartir tus magnificas letras
abrazo