Brais Romero — 15 de julio, 2014
Borja F. Caamaño é o que se podería chamar 
un home camaleón. Pasou por moitas profesións e fixo de todo mentres 
sacaba tempo para escribir catro novelas: Inside, Córam Pópulo, En Tierra de Nadie e a súa última, publicada este mesmo ano, Purgatorio.
 Ademais, tamén coescribíu o guión de Schimbare, película de Alex 
Sampayo que está seleccionada no Montreal World Film Festival.
—Pasaches por moitas profesións
 antes de atopar un oco na literatura. Espertaches un día dicindo “quero
 ser escritor” ou era un gusanillo que tiñas dentro desde había tempo?
—Supoño que un dos hándicaps do 
escritor, sexa no sector que sexa, é que require dunha labor previa na 
escuridade ata que chega a túa oportunidade. Nun principio é unha 
afección, case unha afección polo esforzo en soidade que implica, e vas 
facendo material para ensinar mentres te dedicas a moitas outras 
labores: comercial, atrezista, cámara, realizador… Polo que o gusanillo
 ou o gran verme (que diría eu) xa estaba aí pero non é ata que chega un
 día en que consideras que o material é bo, que te decides a envialo a 
un editor… e a outro, e outro e outro máis. [RISAS]
—Na túa web dis que os teus 
pais apagaban a TV cando eras neno para incitarche a escribir. Cal é o 
teu método actual? Agardas a que a musa che visite ou vas na súa busca?
—Dedicarse á narración é un traballo a 
tempo completo, unha auténtica escravitude na que non existen xornadas 
mínimas ou máximas, e descóbreste en calquera momento avanzando nunha 
historia. Podes estar conducindo, ou sacando ao can, ou tomando algo por
 aí, e as ideas aparecen dándoche unha chave para pasar ao seguinte 
andar da historia. Porque aínda que estea todo perfilado, o cal 
significa que fuches ti na procura da musa, sempre hai matices que se 
van mellorando ao longo do camiño.
—Purgatorio é a túa cuarta novela. Ao grano, de que vai?
—Purgatorio trata o tema da 
culpa e de como esta pode colapsar unha vida e, para reflectir isto, 
emprego a trama de Lázaro na busca de algo supostamente irreal que lle 
vai dar a posibilidade de recuperar a súa vida. Digamos que ten moito de
 road-movie, aínda sendo un libro, axitado con dúas partes de novela de 
redención e un chisquiño de historia iniciática coroando o combinado a 
modo de sombrilliña de papel. Unha personaxe ao borde do abismo, 
enfrontado aos seus propios demos, que recorrerá o páramo (tanto físico 
como emocional) para acadar algo moi similar a un oasis ao final do 
camiño.
—O teu estilo adoita estar 
acompañado por cualificativos como «sórdido» ou «escuro» e situado 
próximo á Xeración Beat. Considéraste ben descrito? Que che aporta este 
recuncho «diferente» da literatura?
—En todos os meus escritos hai un poso 
de sordidez; nas miñas primeiras obras era algo moi evidente, 
influenciado por xente como Ellis ou Palahniuk, pero co tempo creo que 
este compoñente foise diluíndo ata quedar coma un poso que, aínda que 
segue aí, xa non é tan patente. Creo que a escuridade é importante tanto
 na narrativa como na vida xa que sen ela non poderíamos apreciar a luz:
 polo momento gústame seguir a estela de Carver ou Bukowski, ensinando 
lugares fronteirizos e personaxes bastardos a nivel social, e deixo o 
blockbuster para outros. Non sei se en verdade poderíase dicir que estou
 próximo á Xeración Beat, gustaríame pensar que si, pero engadirei que 
ultimamente dixeron do meu estilo en Purgatorio que «lembra ao On the Road de Kerouack, pero dende a bancada de Auster»… e non sei que dicir fronte a iso.
—Co-escribiches o guión de 
Schimbare (película seleccionada no Festival de Montreal). Como é o paso
 dun campo como o literario ao cine? Onde atopas a maior limitación?
—Cando escribes debes ser consciente de
 que o teu campo é o narrativo, da igual que sexa novela ou teatro ou 
unha longa, e sen pasar por alto as diferenzas que ten cada un destes 
xéneros pensar en todo aquelo que teñen en común. Gústame a novela 
porque tes o control absoluto de todo e, tamén, porque podes indagar nos
 miolos das personaxes dun xeito que o cine limita. Por outra banda é 
algo moi satisfactorio ver como grazas á aportación dun enorme equipo de
 xente algo que escribiches cobra forma. Un ente descarnado collendo 
corpo. Porque dende o atrezista ata o director que leva a batuta, 
pasando polos actores e vestiario ou salón de peiteados, cada quen pon a
 súa particular visión da imaxe mental que lles produciu o teu texto 
e xorde ese «cadáver exquisito» que case é unha película. Penso que as 
limitacións en calquera campo as pon un mesmo.
—Despois de catro novelas, guións, curtas… Quédanche ganas de facer máis? En que proxectos estás inmerso agora?
—Pois nestes intres estou rematando a 
co-escrita da miña terceira obra de teatro, neste caso orientada para os
 nenos… nada de escuridade nin sordidez. [RISAS] Por outra 
banda, hai un par de proxectos para longametraxe case rematados e o 
desenvolvemento dun documental que me quita o sono, porque non teño 
tempo para todo, e por riba de todo isto o acuciante desexo de pórme coa
 miña quinta novela: continuación da primeira, chamarase Outside, pero 
como xa dixen en ocasións non chegan as vinte catro horas do día para 
todo… eu firmaría por ter catro mais.

No hay comentarios:
Publicar un comentario